Galicia ten unha débeda histórica coa Pedagoxía. Caderno 1
Hai transformacións que apenas se ven e sosteñen sociedades. A Pedagoxía leva máis de cincuenta anos sendo
unha delas en Galicia.
Galicia leva máis de medio século formando pedagogas e pedagogos. Medio século xerando coñecemento, formando profesionais e contribuíndo ao desenvolvemento da sociedade. E medio século despois, segue aberta unha pregunta incómoda:
Como
é posible que unha profesión con esta traxectoria continúe sen o recoñecemento
institucional que lle corresponde?
Desde 1973 a Pedagoxía está a construír en Galicia unha traxectoria sólida de coñecemento, investigación e compromiso coa sociedade, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela desde a Facultade de Ciencias da Educación e posteriormente acompañada pola titulación tamén ofertada na UNED.
Foi
no curso 1973/1974 cando a USC sementou o xerme da ciencia da educación, a
través do comezo dos estudos de Licenciatura en Pedagoxía, iniciando unha
traxectoria ininterrompida que recentemente, no ano 2024, conmemorou o seu
medio século de vida.
Hoxe
en día atopamos nomes da primeira promoción que continúan traballando en pro da
visibilidade dunha profesión que naceu con moita ilusión e na que adoitaron ter
como reivindicación unha frase que xa parecía vaticinar os problemas reais da
profesión no futuro; “Penso, logo estorbo”.
Na
creación e consolidación desta profesión, tamén se fai obrigatorio mencionar e
agradecer o papel do primeiro decano da “Facultade de Filosofía e Ciencias da
Educación”, o recoñecido catedrático, D. Carlos Baliñas, quen
segue, na actualidad, expectante aos camiños que a titulación segue percorrendo
nesta Galicia do século XXI.
Un
proceso de creación complicado, non foron poucas as voces que manifestaron a
súa oposición sen esquecer a existencia dun contexto político de gran complexidade,
no que asomaba o final do franquismo, unha crecente conflitividade social e unha vida universitaria axitada con
constantes folgas estudantís. Sen a
visión e a determinación de Carlos Baliñas dificilmente podería estar eu hoxe contando esta historia.
Durante estas cinco décadas a profesión evolucionou, diversificou os seus
ámbitos de actuación e respondeu aos cambios dunha sociedade cada vez máis
complexa. Moito antes de que o sistema universitario se fragmentase coa
aparición de novas titulacións, a ciencia nai da educación xa estaba
respondendo con solvencia e invisibilidade aos retos da época.
No
momento actual, a sociedade está en permanente cambio, as organizacións
transfórmanse continuamente e as rápidas achegas tecnolóxicas obrigan a
adquirir novas competencias case sen decatarnos.
Nunca
tan necesaria foi unha disciplina capaz de comprender como aprenden e cambian
as persoas.
O
saber pedagóxico está presente en todos aqueles espazos nos que as persoas
aprenden, traballan, se relacionan, innovan ou afrontan procesos de cambio: na
escola, na empresa, na saúde, na tecnoloxía, na formación para o emprego, na
intervención social ou no deseño de políticas públicas.
“Alí
onde hai persoas aprendendo, cambiando ou desenvolvendo o seu potencial, hai un
espazo para a mirada pedagóxica”.
Coñeces algún contexto que non precise de Pedagoxía?
Galicia aínda ten pendente recoñecer esta disciplina como ese motor transformador e preventivo que garante unha sociedade máis xusta, equitativa e preparada para o futuro. E é o momento de que as institucións miren de fronte este legado, valoren as súas profesionais e poñan fin a un esquecemento inxusto, situando á ciencia da educación no centro das políticas que coidan e desenvolven o potencial das persoas.
Recoñecer
esta débeda é unha cuestión de xustiza institucional e de calidade para o
propio sistema galego. O esquecemento institucional non pode minguar a valía
nin o compromiso das persoas tituladas, que seguen a soster o día a día co seu
esforzo individual e de forma solitaria ao non gozar dun organismo regulador da
profesión que defenda o seu ben facer e que a súa vez, protexa as persoas
destinatarias a través das boas prácticas.
Saldar
esta débeda histórica é unha urxencia. Significa entender que prescindir da
mirada pedagóxica ou diluíla debilita a calidade do tecido educativo,
empresarial e comunitario.
A oportunidade de saldar esta débeda histórica
Galicia
atópase ante unha boa oportunidade, impulsada pola recente celebración dos 50
anos de historia, para saldar a súa débeda. A petición para a creación do
Colexio Oficial de Pedagoxía e Psicopedagoxía de Galicia é un acto de xustiza
institucional.
Crear
o Colexio Oficial protexerá e dignificará ás profesionais da Pedagoxía e da
Psicopedagoxía, titulación extinta no curso académico 2O14/2015,
baixo un mesmo paraugas de respecto e lexitimidade legal e significará protexer
unha profesión que leva décadas protexendo ás persoas.
Un
compromiso que continúa
Desde
a miña mirada pedagóxica, tamén teño a responsabilidade de
contribuír a este camiño desde os espazos nos que desenvolvo a miña actividade
profesional e divulgativa. Entre eles, COPEGAL, Asociación pro colexio
de Pedagoxía e Psicopedagoxía de Galicia, asociación que constitúe
un espazo desde o que impulsar a visibilidade da profesión, promover o debate
pedagóxico e colaborar na defensa dunha disciplina que leva décadas achegando
valor á sociedade galega.
As profesións medran cando a sociedade recoñece o seu valor. A Pedagoxía leva máis de cincuenta anos demostrando o seu.
Quizais chegou o momento de que Galicia tamén o faga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario