martes, 25 de agosto de 2026

Galicia ten unha débeda histórica coa Pedagoxía

Galicia ten unha débeda histórica coa Pedagoxía. Caderno 1

Hai transformacións que apenas se ven e sosteñen sociedades. A Pedagoxía leva máis de cincuenta anos sendo unha delas en Galicia.



Galicia leva máis de medio século formando pedagogas e pedagogos. Medio século xerando coñecemento, formando profesionais e contribuíndo ao desenvolvemento da sociedade.  E medio século despois, segue aberta unha pregunta incómoda:

Como é posible que unha profesión con esta traxectoria continúe sen o recoñecemento institucional que lle corresponde?

Desde 1973 a Pedagoxía está a construír en Galicia unha traxectoria sólida de coñecemento, investigación e compromiso coa sociedade, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela desde a Facultade de Ciencias da Educación e posteriormente acompañada pola titulación tamén ofertada na UNED.

Foi no curso 1973/1974 cando a USC sementou o xerme da ciencia da educación, a través do comezo dos estudos de Licenciatura en Pedagoxía, iniciando unha traxectoria ininterrompida que recentemente, no ano 2024, conmemorou o seu medio século de vida.

Hoxe en día atopamos nomes da primeira promoción que continúan traballando en pro da visibilidade dunha profesión que naceu con moita ilusión e na que adoitaron ter como reivindicación unha frase que xa parecía vaticinar os problemas reais da profesión no futuro;  “Penso, logo estorbo”.

Na creación e consolidación desta profesión, tamén se fai obrigatorio mencionar e agradecer o papel do primeiro decano da “Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación”, o recoñecido catedrático, D. Carlos Baliñas, quen segue, na actualidad, expectante aos camiños que a titulación segue percorrendo nesta Galicia do século XXI. 

Un proceso de creación complicado, non foron poucas as voces que manifestaron a súa oposición sen esquecer a existencia dun contexto político de gran complexidade, no que asomaba o final do franquismo, unha crecente conflitividade social e  unha vida universitaria axitada con constantes folgas estudantís. Sen a visión e a determinación de Carlos Baliñas dificilmente podería estar eu hoxe contando esta historia.

Durante estas cinco décadas a profesión evolucionou, diversificou os seus ámbitos de actuación e respondeu aos cambios dunha sociedade cada vez máis complexa. Moito antes de que o sistema universitario se fragmentase coa aparición de novas titulacións, a ciencia nai da educación xa estaba respondendo con solvencia e invisibilidade aos retos da época.

No momento actual, a sociedade está en permanente cambio, as organizacións transfórmanse continuamente e as rápidas achegas tecnolóxicas obrigan a adquirir novas competencias case sen decatarnos. 

Nunca tan necesaria foi unha disciplina capaz de comprender como aprenden e cambian as persoas.

O saber pedagóxico está presente en todos aqueles espazos nos que as persoas aprenden, traballan, se relacionan, innovan ou afrontan procesos de cambio: na escola, na empresa, na saúde, na tecnoloxía, na formación para o emprego, na intervención social ou no deseño de políticas públicas.

 “Alí onde hai persoas aprendendo, cambiando ou desenvolvendo o seu potencial, hai un espazo para a mirada pedagóxica”.

 Coñeces algún contexto que non precise de Pedagoxía?

Galicia aínda ten pendente recoñecer esta disciplina como ese motor transformador e preventivo que garante unha sociedade máis xusta, equitativa e preparada para o futuro. E é o momento de que as institucións miren de fronte este legado, valoren as súas profesionais e poñan fin a un esquecemento inxusto, situando á ciencia da educación no centro das políticas que coidan e desenvolven o potencial das persoas.

Recoñecer esta débeda é unha cuestión de xustiza institucional e de calidade para o propio sistema galego. O esquecemento institucional non pode minguar a valía nin o compromiso das persoas tituladas, que seguen a soster o día a día co seu esforzo individual e de forma solitaria ao non gozar dun organismo regulador da profesión que defenda o seu ben facer e que a súa vez, protexa as persoas destinatarias a través das boas prácticas.

Saldar esta débeda histórica é unha urxencia. Significa entender que prescindir da mirada pedagóxica ou diluíla debilita a calidade do tecido educativo, empresarial e comunitario.

 A oportunidade de saldar esta débeda histórica

Galicia atópase ante unha boa oportunidade, impulsada pola recente celebración dos 50 anos de historia, para saldar a súa débeda. A petición para a creación do Colexio Oficial de Pedagoxía e Psicopedagoxía de Galicia é un acto de xustiza institucional.

Crear o Colexio Oficial protexerá e dignificará ás profesionais da Pedagoxía e da Psicopedagoxía, titulación extinta no curso académico  2O14/2015, baixo un mesmo paraugas de respecto e lexitimidade legal e significará protexer unha profesión que leva décadas protexendo ás persoas.

Un compromiso que continúa

Desde a miña mirada pedagóxica, tamén teño a responsabilidade de contribuír a este camiño desde os espazos nos que desenvolvo a miña actividade profesional e divulgativa. Entre eles, COPEGAL, Asociación pro colexio de Pedagoxía e Psicopedagoxía de Galicia, asociación que constitúe un espazo desde o que impulsar a visibilidade da profesión, promover o debate pedagóxico e colaborar na defensa dunha disciplina que leva décadas achegando valor á sociedade galega.

As profesións medran cando a sociedade recoñece o seu valor. A Pedagoxía leva máis de cincuenta anos demostrando o seu. 

Quizais chegou o momento de que Galicia tamén o faga.