Aprendizaxe ao longo da vida. Caderno 3
As persoas nunca deixamos de aprender. A cuestión é se decidimos facelo de maneira consciente ou inconsciente.
Hoxe en día pódese xa afirmar que aprender non forma
parte dunha etapa da vida, aprender é unha maneira de vivir.
A vida está chea de primeiras veces.
Primeiros pasos. Primeira amizade. Primeiro amor.
Primeira parella. Primeiro emprego. Primeira convivencia. Primeira filla.
Primeiro fillo. Primeiro despedimento. Primeira enfermidade. Primeira vez que
coidamos dun familiar. Primeira xubilación. Primeira vez que usamos
Intelixencia Artificial. Primeiro día conducindo.
Cada unha destas situacións teñen en común que nos invitan
a aprender, unhas veces de forma forzosa, outras a aprendizaxe pasa
desapercibida e noutras dámonos conta unha vez rematada a experiencia. A vida cambia e, evoluciona e, cada
cambio, cada evolución e, cada momento do día convértenos de
novo en aprendices.
Durante moito tempo entendemos a aprendizaxe como algo
que sucedía nun momento concreto da vida e, sobre todo, nun lugar concreto: a
escola, o instituto ou a universidade, mostrándonos a idea de que a aprendizaxe
era unha etapa previa e necesaria para comezar a vivir e a partir de ese
momento, comezar a tomar decisións.
O noso día a día móstranos outra realidade, a vida non
deixa de propoñernos situacións novas, retos inesperados e decisións para as
que non sempre estamos preparados e cada unha delas esixe construír novos
coñecementos, desenvolver novas habilidades e revisar o que xa sabiamos. Aquelo
que coñecemos como aprendizaxe significativo.
Onde hai vida, hai aprendizaxe. Aprender non
consiste só en adquirir información; aprende consiste en ter capacidade para adaptarse,
comprender, decidir, relacionarse e seguir medrando como persoas.
Cando un neno aprende a ler dicimos que está aprendendo,
cando unha persoa adulta aprende a coidar dun familiar dependente, convivir cun
diagnóstico, educar unha filla raramente empregamos a palabra aprendizaxe. E,
con todo, tamén se está aprendendo, estamos aprendendo de forma continua e
constante.
E se seguimos aprendendo durante toda a vida, por que
seguimos falando da aprendizaxe coma se rematase ao saír da escola, do centro
de estudios ou da universidade?
Durante moito tempo identificábase aprender con estudar.
Hoxe sabemos que aprender tamén é transformarnos ao longo da vida. A
aprendizaxe non remata cando termina o tempo de estudio, remata o día que
deixamos de mirar o mundo con curiosidade. A aprendizaxe prodúcese ao longo de
toda a vida e esta forma de mirar a vida está tamén moi relacionada co benestar
persoal, físico, social e emocional; ampliamos os nosos recursos, alimentamos a
nosa mente e sentímonos mellores persoas con maior capacidade para desfrutar e
manter o pensamento activo.
E que achega a Pedagoxía a todo isto?
Onde hai cambio, hai aprendizaxe e onde hai aprendizaxe,
hai Pedagoxía.
O que achega a Pedagoxía é comprender o proceso para
melloralo. Axúdanos a saber como aprendemos, como inflúen os contextos, como
acompañamos os cambios ou como deseñamos
experiencias de novas aprendizaxes.
Non aprende do mesmo xeito unha persoa que comeza no seu
primeiro emprego que unha familia que afronta un diagnóstico, unha empresa que
incorpora intelixencia artificial ou unha persoa maior que decide volver a estudar.
Cada proceso require comprender quen aprende, desde onde aprende e que
condicións favorecen esa aprendizaxe. Esa é, precisamente, a mirada pedagóxica
profundamente vinculada ao deseño do proceso.
Aprender ao longo da vida non depende só da vontade, depende
tamén de que existan oportunidades, metodoloxías e persoas capaces de acompañar
ese proceso.
E ti, de que es aprendiz neste momento da túa vida?


Ningún comentario:
Publicar un comentario