Sobre mín








Benvida a "A Mirada Pedagóxica"

Son Paula Suárez, pedagoga de profesión desde o ano 1997.

Ao longo da miña traxectoria profesional tiven a oportunidade de desenvolver a pedagoxía en ámbitos moi diversos: protección de menores, orientación educativa, universidade, intervención psicopedagóxica, formación de profesionais, no asociacionismo, no emprendemento, no deseño de proxectos e en procesos de comunicación e divulgación. Esa experiencia permitiume comprobar in situ que a pedagoxía está presente en moitos máis espazos dos que habitualmente imaxinamos.

Creo nunha pedagoxía capaz de comprender como aprenden as persoas, como evolucionan as organizacións e como podemos construír unha sociedade máis xusta, crítica e inclusiva a través da aprendizaxe.

A Mirada Pedagóxica é un espazo de reflexión que nace coa vontade de contribuír ao desenvolvemento da pedagoxía en Galicia, promovendo o pensamento crítico, a divulgación e o diálogo arredor da aprendizaxe e da transformación social.

Nace dunha convicción persoal, Galicia necesita máis lugares onde pensar a pedagoxía, espazos nos que reflexionar con rigor, dialogar, divulgar coñecemento e contribuír a fortalecer a identidade dunha profesión que leva décadas achegando valor á sociedade.

A través dos Cadernos de A Mirada Pedagóxica compartirei artigos sobre a profesión, aprendizaxe, innovación, orientación, emprendemento, intelixencia artificial, políticas públicas e todos aqueles temas nos que a mirada pedagóxica poida achegar unha perspectiva útil e necesaria.

Escribo desde Galicia, pero coa vontade de participar nunha conversa moito máis ampla; a de comprender como aprendemos, como cambiamos e como podemos construír mellores oportunidades para as persoas e para a sociedade.

Se este espazo consegue abrir unha nova pregunta, provocar unha reflexión ou axudar a comprender mellor o valor da pedagoxía, terá cumprido o seu propósito.

Grazas por formar parte desta conversa.


Quen son?

Pedagoga · Formadora · Orientadora educativa · Profesora- Titora UNED Pontevedra · Presidenta de Copegal, Asociación pro colexio de Pedagoxía e Psicopedagoxía de Galicia · Fundadora de Positivando Gabinete Psicopedagóxico · Vicepresidenta da Asociación veciñal de Gandón




No hay comentarios:

Publicar un comentario