PISA 2025: os datos que nos obrigan a mirar a aprendizaxe
O seu obxectivo é coñecer ata que punto o alumnado pode
extrapolar o que saben pensar a través das materias curriculares, aplicar o seu
coñecemento de forma creativa a situacións descoñecidas e mostrar como
desenvolven estratexias eficaces de aprendizaxe. Pisa avalía tres competencias;
lectura, matemáticas e ciencias e suma a competencia global, o pensamento
creativo, o inglés e a aprendizaxe dixital (Fonte: Ministerio de Educación).
Radiografía a través dos datos
Este 8 de setembro de 2026 publicáronse os resultados das
competencias clave, xunto cun avance dos resultados de aprendizaxe no mundo
dixital. Os resultados da avaliación de linguas estranxeiras publicaranse o 6
de abril de 2027.
Estes datos contan que España obtén 451 puntos en
lectura, 457 en matemáticas e 477 en ciencias, os resultados máis baixos nas tres
competencias desde que se aplica esta proba. Respecto ao ano 2022, data do
último informe, a caída é de 23 puntos en lectura, 16 en matemáticas e 8 en
ciencias. Participaron case 30.000 estudantes e 956 centros educativos.
Galicia pola súa parte, tamén experimenta unha caída moi
importante. En lectura baixa ata 454 puntos, 31 puntos menos que en 2022 e matemáticas
e ciencias perden 20 puntos cada unha. En ciencias, Galicia pasa de liderar o ránking autonómico a descolgarse dos postos de cabeza.
Radiografía a través da Mirada Pedagóxica
Chegado setembro comeza a falarse da escola e do comezo do curso escolar e cada sector faino desde a súa realidade: as familias falan dos gastos, da conciliación e das actividades extraesscolares; as ANPAS das condicións dos centros; o profesorado dos recursos, das ratios e da atención á diversidade; a política saca peito falando de novas inversións e proxectos e os medios de comunicación poñen en primeiro plano temas como a adaptación, o incremento nos custos e os problemas que xurden na comunidade educativa. Todos estos temas forman parte da realidade educativa e por suposto son moi importantes, pero eu pregúntome; que está pasando coa aprendizaxe?
Falamos moito da escola como espazo de conciliación, de coidado, de convivencia, de protección, de atención e falamos moi pouco da escola como espazo de aprendizaxe. A escola é por suposto un espazo de coidado, de convivencia, socialización, inclusión e protección, pero para comprender os resultados do marco PISA é necesario recuperar unha cuestión que debería estar sempre no centro do debate.
Como estamos conseguindo que o alumnado aprenda?
Os datos non xurden da nada, antes dos datos suceden
cousas e nesta ocasión chegan despois de
anos nos que se van acumulando sinais sobre as dificultades de aprendizaxe, a
desigualdade educativa, a falta de atención á diversidade, a motivación do
alumnado e a baixa percepción do profesorado e os departamentos de orientación ante as condicións nas que se
desenvolve a educación.
Tendemos a buscar os responsables dos resultados de PISA
nunha causa concreta, externa ou allea ao propio proceso de aprendizaxe e PISA
debería ser unha oportunidade para mirar o que está pasando, estes resultados
deberían obrigarnos a volver ao esencial.
O propio contexto no que se produce esta avaliación está
marcado pola expansión da intelixencia artificial e polo uso intensivo das
pantallas e ambos son factores que forman parte da realidade na que aprende o
alumnado e que debemos analizar, pero non deberían converterse nunha
explicación única ou causal dos resultados. Para min esta non pode ser a parte
esencial da explicación da aprendizaxe.
Queremos facer máis con menos e iso tamén debería formar
parte da lectura destes resultados. Os sistemas educativos non se fortalecen a
base de parches nin de respostas puntuais ás dificultades, necesitan
investimento, planificación, estabilidade e unha mirada a longo prazo.
Que está pasando coa aprendizaxe?
As tres áreas que caen non son tres materias illadas. A
lectura, as matemáticas e as ciencias son formas de comprender a realidade e
para que se produza unha aprendizaxe, non hai que saber simplemente ler, saber
calcular e coñecer contidos científicos. Para aprender hai que abrir a porta ás
competencias, o currículo español formula competencias clave, consideradas
esenciais para que o alumnado avance con éxito na súa traxectoria educativa e
aborde os principais desafíos globais e locais e, competencias específicas,
desempeños que o alumnado debe ser capaz de demostrar en actividades ou
situacións que requiran a aplicación dos coñecementos fundamentais de cada área
de coñecemento, a cuestión pedagóxica é como se desenvolven esas capacidades na
práctica educativa.
Necesitamos coñecementos para pensar pero tamén necesitamos aprender a utilizalos, relacionalos, aplicalos e transferilos a situacións diferentes. Non se trata de escoller entre coñecementos e competencias pero si de introducir metodoloxías didácticas que promovan este aprendizaxe competencial, habilidade fundamental na sociedade do século XXI.
A sociedade avanza e a escola debe avanzar con ela e para chegar a artellar este avance fago unha nova pregunta:
1. Estamos confundindo ensinar con aprender?
Podemos ensinar moitas cousas e, con todo, non conseguir
que se produza unha aprendizaxe significativa. O sistema pode estar cheo de
metodoloxías, programacións, actividades, contidos, situación de aprendizaxe e
aínda así aparecer dificultades para comprender un texto complexo, interpretar
un gráfico, resolver un problema ou explicar cientificamente unha situación.
Ensinar non é garantía de aprendizaxe. Para aprender é
preciso por a funcionar os saberes básicos e ter capacidade para transformar a
información que recibimos nun conxunto de coñecementos útiles. Pódese ensinar
para transmitir coñecementos e pódese ensinar para aprender a transformar os
coñecementos en saberes útiles.
A aprendizaxe debe ser significativa, aprender a
relacionar coñecementos novos cos coñecementos xa adquiridos. Esta aprendizaxe
non pode reducirse á memorización, é
aprender a facer, tocando mirando, intuíndo, explorando, investigando.
A aprendizaxe baseada exclusivamente na memorización e na
reprodución de información queda curta para responder ás necesidades actuais,
memorizar para reproducir como se fai unha raíz cadrada ou unha ecuación de
segundo grado sen comprender o que estamos facendo, aprender unha definición de
arte sen poder utilizala para interpretar unha obra ou memorizar os pasos dun
proceso de investigación sen pisar un laboratorio e sen tocar os materias
quizás xa non ten sentido.
Novamente aparece o concepto de se a sociedade cambia, a
escola tamén debe revisar como crear as condicións para aprender.
Non podemos converter as pantallas no culpable universal. No contexto social actual é moi certo que a atención está sometida a estímulos constantes e nesta adaptación non se trata de que a escola se converta nun espazo de sobre estimulación, trátase de aprender a deseñar contextos nos que concentrarse e captar a atención sexa posible. Temos un coñecemento básico moi importante, a emoción, a motivación e a curiosidade forman parte das condicións que poden favorecer a aprendizaxe.
A avaliación é tamén un proceso fundamental
na aprendizaxe, o feedback e a avaliación formativa suman no proceso. Aprender
é un continuum no que se suceden moitos factores e o centro da acción educativa
non pode ser exclusivamente a ensinanza, senón tamén a aprendizaxe.
A calidade dun sistema educativo non se mide só polo
alumnado que mellor funciona, senón tamén pola súa capacidade para evitar que
unha parte do alumnado quede atrás, temos que traballar para que todo o
alumnado poida desenvolver ao máximo as súas capacidades e dispoña das
oportunidades e apoios necesarios para aprender.
Un reto da escola é xerar os espazos para traballar a
inclusión desde unha perspectiva coeducativa e diversa e na actualidade pódese
afirmar que esta realidade non é tal. PISA mide determinados desempeños desde
uns marcos determinados, pero ningún indicador pode representar por completo a
diversidade da sociedade.
A realidade do alumnado é moito máis complexa que
calquera indicador. As diferenzas socioeconómicas, culturais, educativas, de
necesidades, de apoio ou de oportunidades condicionan tamén as posibilidades de
aprendizaxe. E tamén as diferenzas por xénero, que merecerían unha análise
propia.
5. Que pasa co que facemos nas aulas?
Non existe unha única forma de ensinar e non existe unha
única forma de aprender.
A LOMLOE introduciu un enfoque competencial que pretende
que o alumnado non se limite a adquirir coñecementos senón que sexa capaz de
mobilizalos e aplicalos pero entre o que establece unha lei e o que realmente sucede nunha aula existe un percorrido complexo; formación, recursos, tempo,
organización, cultura de centro, acompañamento e capacidade para transformar as
prácticas.
Por iso deberiamos reflexionar sobre se estamos deseñando
experiencias educativas capaces de responder á diversidade do alumnado e aos
retos da sociedade actual.
Se estamos falando de aprendizaxe, necesitamos incorporar
ao debate unha mirada especializada sobre os procesos educativos e a Pedagoxía
ten un campo específico de coñecemento desde o que analizalos.
PISA mide
resultados e a Pedagoxía achega as ferramentas científicas para descodificar os
procesos que hai detrás dos datos.
Os números poden dicirnos que algo está pasando, poden mostrarnos onde
están as dificultades, quen está quedando atrás e como estamos evolucionando.
Os números, por si mesmos, non explican
que está pasando coa aprendizaxe. Para iso necesitamos mirar as aulas, os
centros, as familias, os contextos, as oportunidades, as metodoloxías, a
avaliación, a atención á diversidade e as condicións nas que aprendemos.
Necesitamos deixar de mirar só os resultados e comezar a
mirar a aprendizaxe. Necesitamos mirar pedagóxicamente.

Ningún comentario:
Publicar un comentario