Que fai realmente unha Pedagoga?. Caderno 2
Unha pedagoga non se
define polo lugar onde traballa, senón polos desafíos que é capaz de resolver.
Hai unha
pregunta que as pedagogas e pedagogos escoitamos con frecuencia.
E ti...
exactamente que fas? A pregunta, ás veces, nace da curiosidade e outras
moitas do descoñecemento. Todo o mundo, a priori, coñece o quefacer dun mestre,
dunha arquitecta ou dunha avogada pero poucas persoas saben explicar realmente
que fai unha profesional da Pedagoxía.
A resposta ao
saber pedagóxico non a imos atopar só nos contextos nos que traballan as
profesionais, contextos que moi ben se describen no Libro Blanco, revisado e aprobado pola
Conferencia de Decanas/os de Educación no ano 2025.
Se nos facemos a pregunta?
Que teñen en
común unha escola, unha empresa, un hospital, unha asociación, unha residencia
ou mesmo unha aplicación de intelixencia artificial?
A resposta cabe nunha única palabra. As Persoas.
A Pedagoxía
traballa por e para as persoas, e chega moito antes de que apareza un problema.
Porque cada vez que unha persoa cambia, medra ou se transforma, tamén está
aprendendo. A Pedagoxía está aí para facilitar esa aprendizaxe e acompañar o
desenvolvemento da persoa.
Onde hai
persoas hai aprendizaxe.
Recordo, que nunha formación sobre Pedagoxía xerontolóxica, profesionais doutras disciplinas comentáronme que recoñecían o valor da pedagoxía, que debería mellorar a súa presenza pero entendían que lles resultaba complexo detectar en qué momento esta figura profesional era necesaria. E preguntáronme;
Cal é a vacina que pon a Pedagoxía?
A resposta a esta pregunta levoume a moitas reflexións e a moitas respostas que dificilmente eran capaces de englobar todo o saber.
Quizais a
Pedagoxía non pon vacinas en sentido estrito pero actúa dun xeito moi
semellante. O verdadeiro valor dos antíxenos non está en curar a enfermidade
cando xa apareceu, senón en preparar o organismo para cando chegue a ameaza. A
prevención neste sentido é unha das súas fortalezas.
A Pedagoxía fai o mesmo. Non evita que unha empresa teña que reestruturarse, que a tecnoloxía irrompa na nosa rutina, que se produza fracaso escolar, absentismo laboral ou que unha familia se enfronte a un diagnostico complexo.
A labor pedagóxica o que fai é preparar ás persoas e as entidades para aprender, adaptarse e afrontar os cambios cos mellores recursos posíbeis.
Neste sentido, podería decir que desenvolve unha tripla función,
converténdose na mellor das vacinas capaz de fortalecer as raíces da
aprendizaxe ao longo de toda a vida.
- Prevención. Anticípase ás dificultades e crea condicións que favorecen a aprendizaxe e o desenvolvemento.
- Intervención, Acompaña ás persoas nos seus diferentes contextos cando aparecen necesidades, dificultades ou procesos de cambio.
- Avaliación. Comprende o que está acontecendo e obten información educativa de caliade para tomar decisións e mellorar a acción e os procesos.
Se falamos de contextos, a Pedagoxía
está presente en moitos máis escenarios dos que imaxinamos:
Na escola. Un centro educativo incorpora alumnado con
necesidades moi diversas. Contrátanse máis recursos materiais, adáptanse
espazos e mércanse novos dispositivos tecnolóxicos e con todo, o cambio máis
importante está en
como organizar os espazos, en como aprende o profesorado, como afronta as dinámicas de aula, como emprega as ferramentas que ten á súa disposición e mesmo que tipo de materias elixe. Aí na didáctica é onde aparece a Pedagoxía.
Na empresa. Unha empresa implanta un novo sistema de traballo. A
dificultade principal probablemente non o atopemos na implantación, o cambio máis importante está
na modificación das rutinas aprendidas, na promoción do traballo en equipo, na
adaptación dos postos de traballo e por exemplo na mellora do clima laboral.
Iso tamén é aprendizaxe. Este é tamén un reto pedagóxico.
Na contorna
dixital e a IA: Cando
unha organización ou un centro educativo decide incorporar a Intelixencia
Artificial, o reto actual pode ser aprender a redactar os prompts ou coñecer o
funcionamento do algoritmo. Sen embargo, a clave está en como se prepara as persoas na
adquisición de novas competencias promovendo entre outros, o pensamento crítico.
Aí é onde tamén aparece a Pedagoxía .
Na infancia e
na adolescencia. Un
adolescente non abandona os estudos dun día para outro, antes houbo sinais,
dificultades, falla de motivación, experiencias de fracaso... A intervención
pedagóxica consiste en actuar antes de que o problema sexa irreversible coa
familia e os propios menores. A mirada pedagóxica resulta imprescindible.
Nas
transicións vitais. Unha persoa
que perde o seu emprego aos cincuenta anos necesita manter activa a súa
aprendizaxe e adaptarse ás necesidades do mercado. Un neno que chega a unha
aula sen coñecer a lingua necesita activar novos aprendizaxes. Un profesional
sanitario que incorpora unha nova tecnoloxía necesita continuar aprendendo.
Unha persoa educada nun ambiente de violencia debe aprender novas formas de
establecer vínculos baseados no afecto.
Cambian os
contextos e o elemento común, sempre permanece: a aprendizaxe, a
aprendizaxe que sabemos se produce ao longo de toda a vida.
Por eso, a próxima vez que vexas unha persoa aprendendo, unha organización adaptándose ou unha comunidade buscando solucións a un novo reto, pregúntate que hai detrás dese proceso porque aí atoparás Pedagoxía.

Ningún comentario:
Publicar un comentario