domingo, 27 de setembro de 2026

A sociedade que educamos: unha mirada pedagóxica aos desafiuzamentos

 A sociedade que educamos: unha mirada pedagóxica aos desafiuzamentos


Cartaz do Sindicato de Inquilinas e Inquilinos de Madrid
                                                    

Unha noticia que non pode quedar só na noticia

Maricarmen

87 anos.

Discapacidade.

Deshaucio da súa casa o mércores 23  de setembro, casa na que leva residindo 71 anos. Entrou a policía na que deixou de ser súa casa e foi asistida polos servizos sanitarios.

Ingreso no hospital.

Deshumanización.

Desde o hospital e a través do “Sindicato de Inquilinas” escoitamos a súa voz 

“No he logrado defender mi casa, pero sí he luchado para que los demás aprendan a luchar por la suya”.

Manifestacións e acampada na Porta do Sol de Madrid desde o día 26 de setembro.

Non ten nestes intres que escribo, alternativa residencial.

Problema serio coa vivenda en España.

¿Que nos di o caso de Maricarmen sobre a sociedade na que vivimos?

Neste desafiuzamento, que se fixo público e visible en tempo e forma, hai unha cuestión de vivenda e hai tamén un procedemento administrativo e xudicial no que ningunha forza política foi quen de dar resposta. É un habitual esquecerse que detrás de todo proceso xudicial hai persoas, historias de vida, redes de contacto, situacións de vulnerabilidade e unha sociedade que ten que decidir como responde ante esta realidade.

Nesta ocasión a sociedade responde, apoia, convoca manifestacións e expón unha problemática que vimos arrastrando anos e anos nas que quero destacar que as situacións de vulnerabilidade non aparecen de repente e, tamén aquí hai que por o foco.

 A vulnerabilidade non aparece de repente

Unha persoa de 87 anos non chega a unha situación de vulnerabilidade no momento do desafiuzamento e tampouco chegan outras moitas persoas e familias que son desaloxadas ou mesmo xa non teñen vivenda. 

Hai unha traxectoria vital detrás asociadas a múltiples dificultades añadidas sobre as que as políticas sociais deben traballar para soster e dotar de novas capacidades, as sociedades non evolucionan positivamente se non se teñen en conta a todas as súas persoas integrantes.

Macroempresas e os chamados fondos buitres e persoas tenedoras dunha parte importante do mercado inmobiliario, que empregan a vivenda como especulación, con ou sen persoas inquilinas, aloxándoas do dereito de desfrutar do acceso á mesma, é tamén unha forma de xerar vulnerabilidade nas persoas e nos espazos e contornas nas que se producen estos feitos.

 Que sociedade estamos construíndo?

Un desafiuzamento permite observar como unha sociedade trata ás persoas  e como incrementa a súa vulnerabilidade, Maricarmen atopábase xa nunha situación de vulnerabilidade e o desafiuzamento incrementou esa vulnerabilidade. O ingreso hospitalario vai encargarse estes días de atender a súa saúde pero non pode atender a súa vida. E esta vulnerabilidade non é ter que vivir de apoios económicos por non ter ingresos xérase pola existencia dun modelo capitalista abusivo que por querer facer negocio do negocio e obter maior rédito económico permítese o luxo de lanzar a rúa ás persoas. 

Cando o beneficio económico ocupa o centro, a persoa acaba converténdose nunha cifra, nun contrato ou nunha oportunidade de negocio, e aquí tamén estamos falando dos valores que se instauran nunha sociedade e de cómo a empatía vaise reducindo ata deixar de ser.

A sociedade que estamos construíndo parece ir deixando de lado valores que durante moito tempo trataron de velar pola convivencia e o bo trato. O respecto as persoas e os apoios veciñais tamén forman parte dos valores e non podemos esquecer que os valores tamén se aprenden e se practican, se ben as tensións propias dunha sociedade e os discursos que a rodean están contribuíndo a segregar unha sociedade e dividir a súa opinión e con elo a sociedade perde, os valores se decoloran e gaña o capital e o mundo económico e os privilexios e as persoas privilexiadas gañan e perden,unha perda tasada en valores sociais.

Onde queda a dignidade? A persoa debe situarse por riba do procedemento e unha sociedade debe estar preparada a través dos servizos sociais para dar resposta as necesidades sociais.

Onde atopamos a inclusión? A participación real na sociedade é un dereito e unha sociedade sólida debe prepararse para abordar as diferencias desde debates construtivos que sumen respostas e aporte recursos. A diferenza non é un problema é unha realidade.

Onde situamos os coidados? Os coidados teñen que convertese nunha responsabilidade compartida e non deben quedar de forma exclusiva no ámbito familiar. Unha sociedade que non aporta recursos aos coidados, exclúe, limita, mantén os estereotipos de xénero e contribúe a xerar novamente, situacións de vulnerabilidade. A vulnerabilidade non é un requisito co que se nace, todas as persoas podemos converternos en persoas vulnerables ao longo do noso desenvolvemento.

 

Educar para unha sociedade que coida

A educación non pode preparar persoas para vivir nunha sociedade que despois non saben transformar.

A vivenda contribúe ao arraigo social, creces onde resides, coñeces a veciñanza, mercas nas tendas de barrio, os centros escolares, asistes o centro médico de referencia. É o lugar no que habitas, xeras vínculos, xurde o sentimento de pertenza, fas comunidade, mantés relacións e hai unha continuidade na vida cotiá. 

Educar para convivir. Aprender a recoñecer a outra persoa, a diversidade da súa vidas e recoñecer as situacións de vulnerabilidade contribúen a convivencia.

Educar para participar. As persoas maiores son persoas con historia, identidade, capacidade de decisión, vínculos e teñen dereito a continuar participando na comunidade.

Educar para coidar. Os coidados teñen unha dimensión comunitaria e social.

 

Discapacidade e vulnerabilidade: dúas realidades que non deberían reducir á persoa

A discapacidade forma parte da realidade da persoa e non debería converterse na definición da persoa. A vulnerabilidade non está unicamente na persoa, está nas contornas, nas barreiras que existen e nos apoios dispoñibles.

Onde están as pedagogas e os pedagogos ante estas realidades?

Moitos dos problemas sociais non son exclusivamente educativos, pero case todos teñen unha dimensión educativa.

  • Prevención da exclusión e intervención socioeducativa.
  • Acompañamento ao longo da vida e no avellentamento.
  • Inclusión, participación e comunidade.
  • Deseño, desenvolvemento e avaliación de programas e políticas socioeducativas.

A pedagoxía non resolve un problema de vivenda pero sí contribúe a analizar, previr e acompañar moitas das situacións de exclusión que aparecen arredor dela. Tamén forma parte das políticas que deben ter en conta as características sociais e darlle vida as motivos de facer política.

Un desafiuzamento é un feito xurídico, económico e social e tamén é un espello da sociedade que estamos construíndo. A mirada pedagóxica permite ir máis alá do feito concreto  para observar como educamos as persoas, para que sociedade as estamos educando e que sociedade estamos construíndo a través da educación.

Pensar a educación tamén é pensar a sociedade. E pensar a sociedade é decidir que lugar queremos que ocupen nela todas as persoas, tamén cando a vida as sitúa nunha situación de maior vulnerabilidade.

Non hai realidade social allea á educación.

xoves, 10 de setembro de 2026

PISA 2025: os datos que nos obrigan a mirar a aprendizaxe

 PISA 2025: os datos que nos obrigan a mirar a aprendizaxe



O informe PISA, Programa para a Avaliación Internacional dos Estudantes é un estudio internacional da OCDE, 
Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos, que avalía o que os mozos e mozas de 15 e 16 anos saben e son capaces de facer ao finalizar a ESO.

O seu obxectivo é coñecer ata que punto o alumnado pode extrapolar o que saben pensar a través das materias curriculares, aplicar o seu coñecemento de forma creativa a situacións descoñecidas e mostrar como desenvolven estratexias eficaces de aprendizaxe. Pisa avalía tres competencias; lectura, matemáticas e ciencias e suma a competencia global, o pensamento creativo, o inglés e a aprendizaxe dixital (Fonte: Ministerio de Educación).

Radiografía a través dos datos

Este 8 de setembro de 2026 publicáronse os resultados das competencias clave, xunto cun avance dos resultados de aprendizaxe no mundo dixital. Os resultados da avaliación de linguas estranxeiras publicaranse o 6 de abril de 2027.

Estes datos contan que España obtén 451 puntos en lectura, 457 en matemáticas e 477 en ciencias, os resultados máis baixos nas tres competencias desde que se aplica esta proba. Respecto ao ano 2022, data do último informe, a caída é de 23 puntos en lectura, 16 en matemáticas e 8 en ciencias. Participaron case 30.000 estudantes e 956 centros educativos.

Galicia pola súa parte, tamén experimenta unha caída moi importante. En lectura baixa ata 454 puntos, 31 puntos menos que en 2022 e matemáticas e ciencias perden 20 puntos cada unha. En ciencias, Galicia pasa de liderar o ránking autonómico a descolgarse dos postos de cabeza.

Radiografía a través da Mirada Pedagóxica

Chegado setembro comeza a falarse da escola e do comezo do curso escolar e cada sector faino desde a súa realidade: as familias falan dos gastos, da conciliación e das actividades extraesscolares; as ANPAS das condicións dos centros; o profesorado dos recursos, das ratios e da atención á diversidade; a política saca peito falando de novas inversións e  proxectos e os medios de comunicación poñen en primeiro plano temas como a adaptación, o incremento nos custos e os problemas que xurden na comunidade educativa. Todos estos temas forman parte da realidade educativa e por suposto son moi importantes, pero eu pregúntome; que está pasando coa aprendizaxe?

Falamos moito da escola como espazo de conciliación, de coidado, de convivencia, de protección, de atención e falamos moi pouco da escola como espazo de aprendizaxe. A escola é por suposto un espazo de coidado, de convivencia, socialización, inclusión e protección, pero para comprender os resultados do marco PISA é necesario recuperar unha cuestión que debería estar sempre no centro do debate.

Como estamos conseguindo que o alumnado aprenda?

Os datos non xurden da nada, antes dos datos suceden cousas e nesta ocasión chegan despois  de anos nos que se van acumulando sinais sobre as dificultades de aprendizaxe, a desigualdade educativa, a falta de atención á diversidade, a motivación do alumnado e a baixa percepción do profesorado e os departamentos  de orientación ante as condicións nas que se desenvolve a educación.

Tendemos a buscar os responsables dos resultados de PISA nunha causa concreta, externa ou allea ao propio proceso de aprendizaxe e PISA debería ser unha oportunidade para mirar o que está pasando, estes resultados deberían obrigarnos a volver ao esencial.

O propio contexto no que se produce esta avaliación está marcado pola expansión da intelixencia artificial e polo uso intensivo das pantallas e ambos son factores que forman parte da realidade na que aprende o alumnado e que debemos analizar, pero non deberían converterse nunha explicación única ou causal dos resultados. Para min esta non pode ser a parte esencial da explicación da aprendizaxe.

Queremos facer máis con menos e iso tamén debería formar parte da lectura destes resultados. Os sistemas educativos non se fortalecen a base de parches nin de respostas puntuais ás dificultades, necesitan investimento, planificación, estabilidade e unha mirada a longo prazo.

Que está pasando coa aprendizaxe?

As tres áreas que caen non son tres materias illadas. A lectura, as matemáticas e as ciencias son formas de comprender a realidade e para que se produza unha aprendizaxe, non hai que saber simplemente ler, saber calcular e coñecer contidos científicos. Para aprender hai que abrir a porta ás competencias, o currículo español formula competencias clave, consideradas esenciais para que o alumnado avance con éxito na súa traxectoria educativa e aborde os principais desafíos globais e locais e, competencias específicas, desempeños que o alumnado debe ser capaz de demostrar en actividades ou situacións que requiran a aplicación dos coñecementos fundamentais de cada área de coñecemento, a cuestión pedagóxica é como se desenvolven esas capacidades na práctica educativa.

Necesitamos coñecementos para pensar pero tamén necesitamos aprender a utilizalos, relacionalos, aplicalos e transferilos a situacións diferentes. Non se trata de escoller entre coñecementos e competencias pero si de introducir metodoloxías didácticas que promovan este aprendizaxe competencial, habilidade fundamental na sociedade do século XXI. 

A sociedade avanza e a escola debe avanzar con ela e para chegar a artellar este  avance fago unha nova pregunta:

1. Estamos confundindo ensinar con aprender?

Podemos ensinar moitas cousas e, con todo, non conseguir que se produza unha aprendizaxe significativa. O sistema pode estar cheo de metodoloxías, programacións, actividades, contidos, situación de aprendizaxe e aínda así aparecer dificultades para comprender un texto complexo, interpretar un gráfico, resolver un problema ou explicar cientificamente unha situación.

Ensinar non é garantía de aprendizaxe. Para aprender é preciso por a funcionar os saberes básicos e ter capacidade para transformar a información que recibimos nun conxunto de coñecementos útiles. Pódese ensinar para transmitir coñecementos e pódese ensinar para aprender a transformar os coñecementos en saberes útiles.

 2. Que tipo de aprendizaxe estamos promovendo?

A aprendizaxe debe ser significativa, aprender a relacionar coñecementos novos cos coñecementos xa adquiridos. Esta aprendizaxe non pode reducirse á memorización,  é aprender a facer, tocando mirando, intuíndo, explorando, investigando.

A aprendizaxe baseada exclusivamente na memorización e na reprodución de información queda curta para responder ás necesidades actuais, memorizar para reproducir como se fai unha raíz cadrada ou unha ecuación de segundo grado sen comprender o que estamos facendo, aprender unha definición de arte sen poder utilizala para interpretar unha obra ou memorizar os pasos dun proceso de investigación sen pisar un laboratorio e sen tocar os materias quizás xa non ten sentido.

Novamente aparece o concepto de se a sociedade cambia, a escola tamén debe revisar como crear as condicións para aprender.

 3. Estamos creando condicións para aprender?

Non podemos converter as pantallas no culpable universal. No contexto social actual é moi certo que a atención está sometida a estímulos constantes e nesta adaptación non se trata de que a escola se converta nun espazo de sobre estimulación, trátase de aprender a deseñar contextos nos que concentrarse e captar a atención sexa posible. Temos un coñecemento básico moi importante, a emoción, a motivación e a curiosidade forman parte das condicións que poden favorecer a aprendizaxe. 

A avaliación é tamén un proceso fundamental na aprendizaxe, o feedback e a avaliación formativa suman no proceso. Aprender é un continuum no que se suceden moitos factores e o centro da acción educativa non pode ser exclusivamente a ensinanza, senón tamén a aprendizaxe.

 4. Estamos atendendo realmente á diversidade?

A calidade dun sistema educativo non se mide só polo alumnado que mellor funciona, senón tamén pola súa capacidade para evitar que unha parte do alumnado quede atrás, temos que traballar para que todo o alumnado poida desenvolver ao máximo as súas capacidades e dispoña das oportunidades e apoios necesarios para aprender.

Un reto da escola é xerar os espazos para traballar a inclusión desde unha perspectiva coeducativa e diversa e na actualidade pódese afirmar que esta realidade non é tal. PISA mide determinados desempeños desde uns marcos determinados, pero ningún indicador pode representar por completo a diversidade da sociedade.

A realidade do alumnado é moito máis complexa que calquera indicador. As diferenzas socioeconómicas, culturais, educativas, de necesidades, de apoio ou de oportunidades condicionan tamén as posibilidades de aprendizaxe. E tamén as diferenzas por xénero, que merecerían unha análise propia.

5. Que pasa co que facemos nas aulas?

Non existe unha única forma de ensinar e non existe unha única forma de aprender.

A LOMLOE introduciu un enfoque competencial que pretende que o alumnado non se limite a adquirir coñecementos senón que sexa capaz de mobilizalos e aplicalos pero entre o que establece unha lei e o que realmente sucede nunha aula existe un percorrido complexo; formación, recursos, tempo, organización, cultura de centro, acompañamento e capacidade para transformar as prácticas.

Por iso deberiamos reflexionar sobre se estamos deseñando experiencias educativas capaces de responder á diversidade do alumnado e aos retos da sociedade actual.

 Onde está a Mirada Pedagóxica?

Se estamos falando de aprendizaxe, necesitamos incorporar ao debate unha mirada especializada sobre os procesos educativos e a Pedagoxía ten un campo específico de coñecemento desde o que analizalos.

PISA mide resultados e a Pedagoxía achega as ferramentas científicas para descodificar os procesos que hai detrás dos datos.

Os números poden dicirnos que algo está pasando, poden mostrarnos onde están as dificultades, quen está quedando atrás e como estamos evolucionando. Os números, por si mesmos,  non explican que está pasando coa aprendizaxe. Para iso necesitamos mirar as aulas, os centros, as familias, os contextos, as oportunidades, as metodoloxías, a avaliación, a atención á diversidade e as condicións nas que aprendemos.

Necesitamos deixar de mirar só os resultados e comezar a mirar a aprendizaxe. Necesitamos mirar pedagóxicamente.

mércores, 2 de setembro de 2026

Que fai realmente unha Pedagoga?

Que fai realmente unha Pedagoga?. Caderno 2 

Unha pedagoga non se define polo lugar onde traballa, senón polos desafíos que é capaz de resolver.





Hai unha pregunta que as pedagogas e pedagogos escoitamos con frecuencia.

E ti... exactamente que fas? A pregunta, ás veces, nace da curiosidade e outras moitas do descoñecemento. Todo o mundo, a priori, coñece o quefacer dun mestre, dunha arquitecta ou dunha avogada pero poucas persoas saben explicar realmente que fai unha profesional da Pedagoxía.

A resposta ao saber pedagóxico non a imos atopar só nos contextos nos que traballan as profesionais, contextos que moi ben se describen no Libro Blanco, revisado e aprobado pola Conferencia de Decanas/os de Educación no ano 2025.

Se nos facemos a pregunta?

Que teñen en común unha escola, unha empresa, un hospital, unha asociación, unha residencia ou mesmo unha aplicación de intelixencia artificial?

A resposta cabe nunha única palabra. As Persoas.

A Pedagoxía traballa por e para as persoas, e chega moito antes de que apareza un problema. Porque cada vez que unha persoa cambia, medra ou se transforma, tamén está aprendendo. A Pedagoxía está aí para facilitar esa aprendizaxe e acompañar o desenvolvemento da persoa. 

Onde hai persoas hai aprendizaxe.

Recordo, que nunha formación sobre Pedagoxía xerontolóxica, profesionais doutras disciplinas comentáronme que recoñecían o valor da pedagoxía, que debería mellorar a súa presenza pero entendían que lles resultaba complexo detectar en qué momento esta figura profesional era necesaria. E preguntáronme;

Cal é a vacina que pon a Pedagoxía? 

A resposta a esta pregunta levoume a moitas reflexións e a moitas respostas que dificilmente eran capaces de englobar todo o saber.

Quizais a Pedagoxía non pon vacinas en sentido estrito pero actúa dun xeito moi semellante. O verdadeiro valor dos antíxenos non está en curar a enfermidade cando xa apareceu, senón en preparar o organismo para cando chegue a ameaza. A prevención neste sentido é unha das súas fortalezas.

A Pedagoxía fai o mesmo. Non evita que unha empresa teña que reestruturarse, que a tecnoloxía irrompa na nosa rutina, que se produza fracaso escolar, absentismo laboral ou que unha familia se enfronte a un diagnostico complexo. 

A labor pedagóxica o que fai é preparar ás persoas e as entidades para aprender, adaptarse e afrontar os cambios cos mellores recursos posíbeis. 

Neste sentido, podería decir que desenvolve unha tripla función, converténdose na mellor das vacinas capaz de fortalecer as raíces da aprendizaxe ao longo de toda a vida.

  • Prevención. Anticípase ás dificultades e crea condicións que favorecen a aprendizaxe e o desenvolvemento.

  • Intervención, Acompaña ás persoas nos seus diferentes contextos cando aparecen necesidades, dificultades ou procesos de cambio.

  • Avaliación. Comprende o que está acontecendo e obten información educativa de caliade para tomar decisións e mellorar a acción e os procesos.

Se falamos de contextos, a Pedagoxía está presente en moitos máis escenarios dos que imaxinamos:

Na escola. Un centro educativo incorpora alumnado con necesidades moi diversas. Contrátanse máis recursos materiais, adáptanse espazos e mércanse novos dispositivos tecnolóxicos e con todo, o cambio máis importante está en como organizar os espazos, en como aprende o profesorado, como afronta as dinámicas de aula, como emprega as ferramentas que ten á súa disposición e mesmo que tipo de materias elixe. Aí na didáctica é onde aparece a Pedagoxía.

Na empresa. Unha empresa implanta un novo sistema de traballo. A dificultade principal probablemente non o atopemos  na implantación, o cambio máis importante está na modificación das rutinas aprendidas, na promoción do traballo en equipo, na adaptación dos postos de traballo e por exemplo na mellora do clima laboral. Iso tamén é aprendizaxe. Este é tamén un reto pedagóxico.

Na contorna dixital e a IA: Cando unha organización ou un centro educativo decide incorporar a Intelixencia Artificial, o reto actual pode ser aprender a redactar os prompts ou coñecer o funcionamento do algoritmo. Sen embargo, a clave está en como se prepara as persoas na adquisición de novas competencias promovendo entre outros, o pensamento crítico. Aí é onde tamén aparece a Pedagoxía .

Na infancia e na adolescencia. Un adolescente non abandona os estudos dun día para outro, antes houbo sinais, dificultades, falla de motivación, experiencias de fracaso... A intervención pedagóxica consiste en actuar antes de que o problema sexa irreversible coa familia e os propios menores. A mirada pedagóxica resulta imprescindible.

Nas transicións vitais. Unha persoa que perde o seu emprego aos cincuenta anos necesita manter activa a súa aprendizaxe e adaptarse ás necesidades do mercado. Un neno que chega a unha aula sen coñecer a lingua necesita activar novos aprendizaxes. Un profesional sanitario que incorpora unha nova tecnoloxía necesita continuar aprendendo. Unha persoa educada nun ambiente de violencia debe aprender novas formas de establecer vínculos baseados no afecto.

Cambian os contextos e o elemento común, sempre permanece: a aprendizaxe, a aprendizaxe que sabemos se produce ao longo de toda a vida.

Por eso, a próxima vez que vexas unha persoa aprendendo, unha organización adaptándose ou unha comunidade buscando solucións a un novo reto, pregúntate que hai detrás dese proceso porque aí atoparás Pedagoxía.