A formación ten por título
"Novas tecnoloxías. Beneficios e riesgos para os nosos fillos/as" e organizada pola Asociación TDAH Salnés en colaboración coa Galería
Sargadelos Boiro e Positivando Gabinete psicopedagóxico de Vigo.
"Estamos utilizando o móbil como
ferramenta de castigo para os nenos"
As novas tecnoloxías facilitan moito a vida, pero tamén
poden ser un serio perigo se as manexan os menores e non coñecen os límites. De
todo isto falará esta tarde a Pedagoga Paula Suárez na galería Sargadelos,
organizada pola Asociación TDAH Salnés dentro das súas actividades "Escola
de Familias". Previamente, fixo unha parada nos micrófonos de Radio Voz
para explicar en que consiste o seu traballo.
- O tema está de actualidade e preocupa moito aos pais.
É un tema que preocupa moito e polo que hai pouca
sensibilidade. As novas tecnoloxías chegaron ás nosas vidas dunha maneira moi
rápida e somos usuarios delas tanto os maiores coma os rapaces. Moitas veces os
propios adultos, que non sabemos como xestionar estas ferramentas, ao final o
que facemos é non educar ben aos nosos fillos no uso delas e tamén transmitimos
a idea de que son nocivas. Eu vou intentar darlle unha volta e ofrecer unha
serie de consellos sobre o uso do móbil: cando hai que darllo, como minimizar
conflitos na casa, e educar un pouquiño aos pais nese uso.
- A dependencia dos móbiles está causando moitos problemas.
Nestes intres, coas novas tecnoloxías están xurdindo
conflitos familiares. Non educamos e logo as condicións nas que deixamos eses
móbiles e esas tabletas non están reguladas, entón no día a día xorden
problemas sobre o uso do teléfono, canto tempo, se quero ler o que hai nas súas
redes sociais... Hai un límite entre a educación e a intimidade que o Goberno
está regulando, pero os pais non saben moi ben ata onde poden chegar como pais,
e os fillos tampouco saben a onde poden chegar como fillos. Hai problemas e
algúns están chegando aos xulgados porque acaban derivando en violencia, porque
se pasa das advertencias verbais ás ameazas físicas. Non o estamos facendo ben
dentro do bo que son as tecnoloxías.
- ¿Que vantaxes teñen as novas tecnoloxías?
Unha cousa que quero deixar clara é que as tecnoloxías
son moi boas, o que hai é que saber como xestionalas e abordalas.
- ¿Qué consellos daría aos pais?
Os pais están moi desconcertados. Hai que ter en conta
que un teléfono é unha ferramenta que chega a moitos lados, porque ten conexión
a Internet, ten conversas con outras persoas e é algo que está moi oculto. Unha
parte dos riscos é a violencia invisible, estanse dando casos de violencia
entre iguais, o chamado sexting (o envío de
fotos masivas a través de aplicacións como WhatsApp). Como é unha ferramenta de uso individual prodúcese esa
violencia invisible porque non hai ninguén máis que o receptor e o emisor. Este
tipo de violencia non se percibe ata que empezan a amosar certas condutas que
nos indican que pasa algo. Os pais fan ben en estar preocupados, e aí hai que
incidir, porque hai que xestionar ben o problema na primeira infancia, na
educación primaria, porque se lles están dando os teléfonos aos nenos moi
pronto.
- ¿A que idade hai que darlle un teléfono?
Non hai unha idade concreta. A min non me gusta dicir se
aos 16 ou aos 18, porque moitas veces diría que nin aos 24. Como é unha
ferramenta con tanto uso e chega a moitas partes, ou tes moita cabeciña ou ao
final podes mal utilizalo. Eu creo que hai que ver ao rapaz, que tipo de
maduración ten, ver como o está empregando e dar unhas normas, que o que fan é
ensinarlle a usalo. O problema nestes intres é que se pasa moito tempo diante
das pantallas, réstanse horas de sono e o que estamos vendo os profesionais é
que isto inflúe no desenvolvemento psicolóxico.
- ¿Cando hai que establecer unhas pautas?
O que pasa agora é que estamos utilizando o móbil como
ferramenta de castigo para os nenos. Os rapaces están acostumados a ter a súa
independencia a través do teléfono e iso xera moitos conflitos. Eu son da
opinión de que hai que establecer unhas normas de uso aos 12, 13 ou 16 anos, cando
dás ese primeiro móbil ou tableta. Hai que saber se o damos ou o prestamos,
porque legalmente non é o mesmo que unha ferramenta sexa regalada ou cedida. Se
é seu, non podemos entrar na súa intimidade. Se o facemos ben desde o principio
imos ter o camiño rodado. Pode que xurdan conflitos, pero non serán tan
violentos porque establecemos unhas normas.
Voz de Galicia edición Vigo |
No hay comentarios:
Publicar un comentario